1. EXPOSICIÓN MUSEÍSTICA DE "O LEBRE DAS CASARIZAS"

Este legado etnográfico pódese visitar de maneira gratuíta na planta baixa do Edificio Multiusos do Concello da Peroxa. Acolle preto de 500 pezas de exposición, case todas elas feitas por este polifacético personaxe, aos que algúns lle chaman “ O Da Vinci da Peroxa”, pola súa intelixencia e a súa creatividade. A visita ao museo é adentrarse no mundo rural do século XX, coñecendo os distintos oficios tradicionais da época a través das máquinas e dos inventos do Lebre.
Manuel Fernández Fernández, de alcume "O Lebre das Casarizas", nace na aldea das Casarizas (A Peroxa) no ano 1906 e fina no 1997. Foi un auténtico visionario con espírito rebelde, característica moi ben resumida na famosa frase “O Lebre quérese libre”. Un auténtico artífice que destacaba pola súa capacidade innovadora fronte aos desafíos que a penetración do capitalismo industrial trouxo ao agro. Desenvolveu a súa actividade máis significativa nos anos anteriores á Guerra Civil e, despois desta, até a década dos setenta.
O seu alcume é herdado da súa nai, pois dicíase que ela era unha muller moi alta e fermosa, polo que tiña moitos pretendentes que sempre a querían acompañar. Cando ela se vía moi comprometida, escapaba... como unha lebre.
Destacou por ser unha gran persoa, amigo dos seus amigos, traballador, e fiel crente da incuestionable calidade de vida do mundo rural, a pesar da dureza dos tempos nos que lle tocou vivir. No baixo da casa, decide instalar unha forxa-taller que vai ser o seu centro de operacións durante máis de 50 anos.
Alí fabrica el mesmo todos os elementos e toda a ferramenta que precisa para o taller (torno motorizado, mandril, esmeril, cilindros, parafusos, torcas, etc.), así como os seus propios apeiros de labranza e os dos veciños. Goberna reloxos, máquinas de coser, vehículos, etc. Faise cos motores e outros compoñentes de vehículos vellos para armar outros novos. Traballa como dentista, ferreiro, canteiro, músico, transportista, reloxeiro, mecánico, radiestesista, etc. E dedícase a facer a malla da zona, coa súa orixinal malladora-limpadora.
2.O ENTORNO NATURAL DO CASTELO DA PEROXA

O Plan de Ordenación Municipal da Peroxa recolle moito elementos patrimoniais como igrexas, hórreos, cruceiros, casas grandes e/ou reitorais, pazos, capelas, lugares, pontes, castros, mámoas, torres e fortalezas. De entre todos eles, podemos destacar o Pazo de Ansariz, Cruceiro, Hórreo e Capela (Parroquia de Armental, Século XVII), a Capela da Virxe da Saúde (Mirallos) -onde se celebra unha romaría multitudinaria no mes de setembro-, o Pazo de Turbisquedo (Souto, século XVIII) -actualmente destinado ao Turismo Rural-, a Igrexa de San Martiño de Villarrubín, a Capela do Amparo (Carracedo) - onde se celebra tamén unha romaría en setembro-, a Igrexa de Santiago de Carracedo (século XVII), a ponte de tren dos Peares e, como non, o Castelo da Peroxa.
Preto de a aldea da Peroxa localízanse as ruínas do que na súa época foi un dos castelos máis fermosos da provincia. Situado nun alto, onde previamente había un asentamento castrexo, ten unhas magníficas vistas á cidade de Ourense, á igrexa parroquial de Graíces e ao Pazo de Láncara. As orixes da fortaleza datan de finais do século VIII e segundo reza a tradición estas orixes estarían moi relacionadas coas razias dos musulmáns no N.O da península. Neste contexto, o rei Alfonso II concede unha serie de privilexios á nobreza para a defensa dos territorios cristiáns e entre estes está a moi nobre familia de Temes, quen levantaría o primitivo castelo como símbolo do seu señorío nestas terras. Unhas das últimas noticias que relacionan aos Temes co castelo da Peroxa é o testamento que en 1333 fai Vasco Pérez que, segundo Pardo de Guevara, por entón señoreaba a vila de Chantada. Este nobre contaba cun inmenso patrimonio á cabeza do cal figuraban as torres da Peroxa, Milleirós ou Arcos. A súa morte dispuxo que o seu fillo se quedase coas torres da Peroxa e Arcos. A mediados do século XIV Fernando de Castro, Conde de Trastámara, Lemos e Sarria, ao mesmo tempo que Alférez Maior e Adiantado Maior de León, Asturias e Galicia, convértese no Señor das Torres da Peroxa. Desta maneira as torres da Peroxa vinculáronse con outras prazas fortes dos condes de Lemos en Ribeira Sacra (Monforte de Lemos e Castro Caldelas).
O seguinte momento clave do Castelo está protagonizado por unha nova familia, os Sarmiento. A finais do século XIV, D. Pedro Ruiz Sarmiento é o Adiantado Maior de Galicia. Neste período, a eclosión Irmandiña toma un número importante de fortalezas destruíndo os símbolos de poder da nobreza, as casas fortes. Un documento de 1476 indícanos a intención de destruír o castelo da “ Peroja”, intención que debeu quedar nun intento xa que a mediados do século XVI e segundo a lista do Licenciado Bartolome de Molina, o Castelo da Peroxa non figuraba entre as lista de fortalezas derrubadas. O comezo dos Sarmiento é o fin da importancia do castelo da Peroxa, o Adiantado desaparece en favor do novo condado de Ribadavia do que a Peroxa pasará a ser tributario.
Finalmente, o que non se destruíu co paso do tempo, das guerras e das loitas, destruíuse pola ignorancia e a insensibilidade, posto que entrado o século XX, desfíxose o castelo para vender a pedra, que se empregou para facer a igrexa de Santiago da Peroxa e o seu cemiterio.
Amando Iglesias Moure foi un poeta, músico e investigador local estreitamente vinculado ó municipio da Peroxa e á recuperación da súa memoria histórica. Persona de destacado compromiso cultural, desenvolveu un importante traballo de investigación histórica centrado no coñecemento e difusión do pasado local, con especial atención ao Castelo da Peroxa. A través dos seus estudos e escritos puxo de relevo o valor histórico, simbólico e patrimonial da fortaleza, alertando sobre a súa progresiva deterioración e subliñando a necesidade da súa conservación. As súas achegas constitúen unha referencia fundamental para o coñecemento da evolución histórica do castelo e do seu papel na configuración do territorio e da identidade local. Este labor investigador viuse acompañada dunha activa implicación social, orientada a sensibilizar á poboación sobre a importancia de protexer e poñer en valor este enclave patrimonial. Como recoñecemento á súa contribución, na contorna do castelo, concretamente no antigo pendello de feira, espazo tradicionalmente vinculado á vida comunitaria e á celebración de feiras, instalouse unha placa conmemorativa dedicada a el.
A contorna do castelo é versátil para organizar todo tipo de actividades e eventos, motivo polo cal é o principal foco turístico do concello, xunto coa gastronomía (especial mención á carne ao caldeiro e carne richada dos días de feira), a aldea dos Peares e a exposición museística do Lebre das Casarizas. Ata a data, na contorna do Castelo da Peroxa desenvolvéronse diversas iniciativas de carácter cultural, educativo, ambiental e social, orientadas á posta en valor do patrimonio histórico e natural, así como á dinamización do territorio e á sensibilización da poboación local e visitante. Entre as actuacións realizadas destaca a celebración da Festa dos Metelos, un evento de carácter cultural e participativo que combinaba música tradicional, xogos populares e gastronomía típica vinculada ao municipio, contribuíndo á recuperación das tradicións locais e á dinamización social da contorna do castelo. Así mesmo, leváronse a cabo actuacións de reforestación mediante a plantación de castiñeiros micorrizados na contorna do enclave, en colaboración co alumnado do CPI Antonio Faílde de Cambeo e do CEIP Roberto Blanco Torres da Peroxa, incorporando un relevante compoñente educativo e de concienciación ambiental, á vez que se fomenta a recuperación do bosque autóctono. Así como xornadas de xogos na natureza dirixidas principalmente a público infantil e familiar, co obxectivo de promover o contacto co medio natural e o uso responsable do espazo; roteiros e percorridos pola contorna do castelo, orientados á divulgación do patrimonio histórico, paisaxístico e natural do enclave (visitas guiadas e/ou camiñatas); ou xornadas de concienciación ambiental dirixidas a grupos escolares, entre as que destaca a celebrada en marzo de 2023 con motivo do Día Mundial da auga, organizada pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, centrada na sensibilización sobre a importancia da xestión sostible dos recursos hídricos.
3. A ALDEA DE OS PEARES
A localidade dos Peares caracterízase por ser un lugar de unión. Aquí unen as súas augas os ríos Miño e Sil, ademais do Búbal; e aquí tamén únense catro concellos de dúas provincias diferentes.
Esta singularidade de estar entre ríos fixo que o seu urbanismo sexa complexo, e as veces para chegar dun punto a outro da localidade é preciso dar un rodeo, xa que estamos en marxes diferentes do río. Durante o século XX foi un lugar moi próspero, xa que contaba co encoro dos Peares e coa estación de tren como elementos xeradores de emprego.
Imprescindible é a visita á ponte de ferro azul, de estilo eiffeliano, por onde cruza o tren e desde onde se divisa a confluencia dos tres ríos e unha panorámica excepcional da aldea de Peares. Río arriba, está a Central Hidroeléctrica de Peares ou "O Salto", como din os veciños e veciñas das aldeas próximas, cunha impresionante configuración, xa que as antigas vivendas destinadas a albergar aos traballadores do encoro, están construídas en paredes verticais.
Outro atractivo turístico nesta aldea é a praia fluvial do río Búbal, a antiga fábrica do chocolate e de luz "A Ácea do Búbal", as pinturas murais espalladas por todo o pobo, a estatua en homenaxe ao galeguista Rodolfo Prada Chamochín (fundador das Irmandades da Fala e gran valedor de Castelao no seu exilio na Arxentina) ou a Aula Museo do Ferrocarril (Xestionada polo INORDE).